Voltar a Artistas

Os Poetarras din de si mesmos ser “un colectivo arterrorístico”, mais en realidade son un orixinal trío. Os Poetarras son Manuel Gago, Rubén Lino e Daniel Vilaverde.

Estes singulares poetas están xuntos dende o ano 2013, lembran que decidiron converterse en trío “nunha noite de esmorga a base de licor café e Galicolas”, cun único e claro obxectivo que din e repiten sen pelos na lingua, “queríamos facerlle a competencia a Resistencia Galega e converternos no referente da loita armada do pobo galego”, aseguran estes artistas. A decisión tomada foi tan importante para eles que puxeron a causa antes ca nada, aínda tendo que renunciar ao traballo e á parella que non tiñan.

As súas armas son as cancións, o humor e a música, a retranca e as melodías e para levar a cabo a súa misión contan co apoio do que eles chaman “arteterroristas autónomos”.

O día 22 de agosto estarán no Festival do Castro para poñerlle banda sonora ao anoitecer.

O obxectivo dos Poetarras é ofender a alguén nalgún lugar ou por algún motivo… ou non, porque en realidade fan o que lles peta sen preocuparse das molestias que ocasionen polo camiño.

Os Poetarras son riquiños e non buscan pelexa, pero se hai que dar un par de hostias, “danse”, din.