O rock galego volve un ano máis ao Festival do Castro de man dos carismáticos Ruxe Ruxe para pechar os concertos no escenario. Dende o seu nacemento, en 1996, Ruxe Ruxe difunde a súa música por todos os recunchos da Galiza, o veciño Portugal, Italia e outros lugares do Estado.
Dicir Ruxe Ruxe é falar dun grupo máis ca consolidado no panorama musical galego. Eles mesmos din ser “un grupo da aldea” xa que esta é e foi -e seguirá sendo, posiblemente- o seu lugar de ensaio e o seu berce. Acariñando ao estilo bravú e con media ducia de discos ao lombo é probable que con Ruxe Ruxe ao rock en galego lle quede moita vida.
Os Ruxe Ruxe serán o último concerto sobre o escenario, mais o festival non remata aquí e agora, senón que continúa, como xa é tradición, baixo a carpa con música de picadiscos até ao amencer.