Pechado o groso do programa de actuacións da edición de 2015 aquí está o Festival do Castro. No décimo aniversario e en épocas difíciles para as asociacións que como a nosa conseguimos ter un cartaz cheo de actividades para que ninguén quede á marxe dun día tan especial e festivo. Desde pola mañá haberá animación e desde as 11 a feira de artesanía. Por segundo ano consecutivo desdea as 13h teremos sesión vermú con cantos de taberna para abrir boca para o xantar popular, que rematará como todos os anos co café concerto con Patxaranga. Xantar en boa compañía, música e festa, a ecuación perfecta.

Co inicio da tarde comezan as actividades para os cativos e cativas coa asociación Lusco e Fusco con globoflexia, pintura de caras e xogos participativos. Para todas as idades as xa clásicas actividades de circo de rúa que son parte imprescindíbel da esencia do Festival do Castro. Este ano contaremos coas habilidades das Aerealistas e Kote Malabar. Case seguido comeza no mesmo espazo o Anoitecer no Castro con Poetarras, grupo revelación!

E desde as 11 da noite o concerto cos míticos Cempés, con Muyayo Rif, Chotokoeu e Ruxe Ruxe. Toda a noite de música que chagará ao amencer con picadiscos até que o corpo agüante.

Os 10 anos de Festival do Castro non podían ter mellor programa. Agardámoste!