Blues do País

Blues do País é un grupo formado por Bieitta James e Pepe King, que transforman temas clásicos do blues e do soul internacional en cancións con referencias galegas. Despois dun tempo levando o seu orixinal espectáculo por escenarios de toda Galiza, sacaron o seu primeiro disco, “Bateas no Mississippi”. A Retranca é un dos recursos que máis e mellor emprega este dúo galego, demostrando que é posible facer blues no idioma do país. Extraer o soul dos cultivos do millo, como se fixo en tempos pasados nos campos de algodón na outra beira do Atlántico.

Nacen a partires dunha idea: o paralelismo que atopan entre Galiza, a súa idiosincrasia, a súa morriña e o retranqueo, co feelin’ blues do Mississippi e Lousiana. Algunhas versións respectan o espírito do tema orixinal. Se Janis Joplin pedía a Deus un Mercedes Benz, Bieitta James reza por un chimpín. Outros clásicos do blues sufriron unha transformación radical. Non dubidaron en lle daren a volta a pezas como I just want to make love to you, de Etta James.

Así, con humor e arte galega a moreas, este duo interpretará no ocaso da tarde, clásicos de onte e de hoxe cun ollar galego e labrego do mundo. Para todas e todos nós!