

Grupo Folk cun futuro prometedor por diante, chegan ao Festival do Castro para poñer o sabor do tradicional da música dos fiadeiros e das foliadas. Fieis á percusión tradicional, a súa música é unha exhibición fantástica resultado da apaña e da herdanza musical popular.
Na vestimenta, nos sons e nas combinacións este grupo novo en idade ten un longo percorrido anterior en xeiras populares, cantos de taberna e outros certames que lle levan dado unha grande proxección.
Nacen na terra, con raíces nas Ribeiras e nas ladeiras fértiles do Val de Lemos, e exhiben coa súa música e coas súas letras o orgullo da música tradicional da Ribeira Sacra, que teñen recuperado como parte do patrimonio musical das terras de Lemos! Orgullo da tradición galega nos sons, amor á terra nas formas, logran integrar o público en todas as súas actuacións! Se vén a Cadela Asesina, a troula e a festa han ser rachadas!

