

Desde València, cunha posta en escena difícil de esquecer, chega El Diluvi, un grupo musical desobediente da orde dominante, con carácter, que nace da reivindicación ética e canaliza a súa protesta creando arte, creando músicas e letras!
Definen a súa música como “folk-moderna”, resultado da fusión de estilos variados: cumbia, reggae, rumba, folk e música tradicional mediterránea. Amosa o orgullo de raíces e a multiculturalidade musical do Mediterráneo cun colorido instrumental inmenso: violín, bandurria, guitarra flamenca e moito máis, facendo gala da mestizaxe artística da que é herdeira a súa banda e a súa xente.
Cunha produción de cinco álbuns, chegan ao noso festival nun dos mellores momentos da súa vida musical para poñerlle o son e a letra a unha terra e a unha sociedade. Con letras éticas e profundas reivindican coa música a existencia cultural e diferencial dos Països Cataláns. Ponlles voz unha muller brava, transgresora e dona de seu!

