

Bautízanse co nome dunha Fraga lendaria que existe no corazón do Courel, e que conserva a pureza dunha cultura á que xa lle cantaran os clásicos. Esta formación celta-folk chega a Pantón para poñer de riba do escenario un alarde de cultura musical e poética de raíces construído dende a ética e o orgullo da pertenza a unha cultura secular, a galega.
Basean a súa proposta na obra poética de Rosalía de Castro, en particular no libro “Follas Novas”, cántanlle ao corazón galego que habita en cadaquén, e logran a harmonía musical e poética coas letras e cos sons.
Cántanlle á muller galega, á emigración, á cultura mariñeira, á labradora, cántanlle á universilidade da aldea galega e dos seus habitantes con mestría na combinación das melodías e da nosa poesía. “Recitan música e cantan poesía”, o que converte a súa música nun fermoso exercicio artístico que dignifica a Galiza que fomos para nos lembrar quen somos.

