Desde a Asociación Cultural O Castro toca informar que a edición prevista para o 18 de Agosto do Festival do Castro 2018 en Pantón, non terá lugar.

Non haberá festival en 2018

Desde a Asociación Cultural O Castro toca informar que a edición prevista para o 18 de Agosto do Festival do Castro 2018 en Pantón, non terá lugar. A dura decisión tomouse definitivamente na asemblea da asociación do 10 de agosto por unanimidade de todas as asistentes.

Durante a asemblea tratáronse distintas opcións para poder afrontar un Festival do Castro coas maiores garantías no plano económico e que puidera manter o espírito de edicións anteriores, que tanto éxito teñen reportado a este evento multicultural e popular, característico do noso concello.

Sen embargo, diante da tesitura de non poder asumir con garantías o Festival ao nível e dimensionamento de edicións anteriores, concluíuse que o mesmo recupere nesta edición a súa histórica intermitencia e, logo da temporada de verán, inmediatamente retomar unha análise que obxectivamente garanta un novo éxito do Castro para a súa edición en 2019.

O formato do Festival do Castro responde a un evento multicultural e popular con actividades variadas, Mostra de Artesanía, Vermú Gaiteiro, Xantar Popular, Café Concerto, Espectáculos de Tarde con Circo e Maxia, Atardecer no Castro e os Concertos do Festival do Castro. Todo os anos a organización analiza as distintas actividades a fin de que medren ou reformulalas de ser preciso, non obstante e, sempre na idea de que as expresións culturais da nosa Terra e doutros lares non deben limitarse ao público segundo a súa capacidade adquisitiva, e así este Festiva desde o seu inicio, caracterizouse por ser un evento popular e de balde.

O anterior está en contraste coa actual política cultural da Xunta de Galiza, así como dos organismos Provinciais que, na actualidade, desconfían do asociacionismo popular e propician outro tipo de eventos, os de pago e maioritariamente en mans de produtoras, e isto materialízase na inexistencia de liñas de axuda nen apoio institucional para eventos como o Festival do Castro nen as súas actividades. Esta actitude tanto a nível da Xunta e Deputación fíxose crítica nas dúas edicións anteriores, o que nos leva a valorar finalmente esta decisión, sempre co obxectivo de revivir este evento no 2019. É lamentable termos que padecer cómo a nosa Administración compadrea actuacións musicais ou eventos carentes de tradición e base cultural mentres se propicia a perda gradual de eventos populares como o do Castro, non hai moito a Administración galega, respecto do seu plan de transporte de viaxeiros, facía peito de que non querían autobuses sen viaxeiros, nen viaxeiros sen autobuses, pois algo semellante pasa no ámbito cultural, non queremos eventos culturais sen persoas, nen persoas sen acceso ós eventos culturais, así que resistímonos a asumir estes patróns mercantilistas do poder e seguiremos loitando para que, en mellores condicións, o Festival siga a ser de todas e todos!

Aproveitamos a ocasión para pedir desculpas polas molestias que isto poida ocasionar na axendas ás/ós festivaleiras/os, así como ás/ós visitantes do noso concello nestas datas tan familiares e festivas pola cancelación do evento, pois concluímos que ó non termos garantías na suficiencia económica para a materialización do Festival do Castro, diante desta recuada das Administracións nos compromisos económicos, é procedente a súa cancelación

Tamén queremos trasladar publicamente o noso afecto e agradecemento a todas as persoas que, desinteresadamente, durante estes 13 anos, colaboraron tanto no plano económico como no organizativo, pois sen todos eles e elas, non sería posible situar o Festival do Castro, a Ribeira Scra e o concelo de Pantón no mapa galego de festivais de verán, no convencemento de que este atranco na edición 2018, non servirá para outra cousa que coller máis folgos para o 2019.

Xúntate ao Festival do Castro nas redes sociais