Noite Fechada

Noite Fechada

Son o produto dunha noite de carallada, a mellor arte coñecida da xente galega. Nacen así da fala da ría con gheada e alegría! Con orgullo de cantar como falaron toda a vida!

Así comezou e hoxe levan nas costas un mundo de festas e romarías alén das rías. Arriban ao Festival do Castro para poñer o acento galego no rock, no reggae e no blues. Mais tamén cantan panxoliñas, parodian o telexornal e se rin até dos de verde.

Tiran de colaboracións, de homes, de mulleres, rinse até do telexornal. Sentido do humor galego, música intercontinental e a súa fala de toda a vida son a mestura que asegura a troula da man de Noite Fechada!

El Diluvi

El Diluvi

Desde València, cunha posta en escena difícil de esquecer, chega El Diluvi, un grupo musical desobediente da orde dominante, con carácter, que nace da reivindicación ética e canaliza a súa protesta creando arte, creando músicas e letras!

Definen a súa música como “folk-moderna”, resultado da fusión de estilos variados: cumbia, reggae, rumba, folk e música tradicional mediterránea. Amosa o orgullo de raíces e a multiculturalidade musical do Mediterráneo cun colorido instrumental inmenso: violín, bandurria, guitarra flamenca e moito máis, facendo gala da mestizaxe artística da que é herdeira a súa banda e a súa xente.

Cunha produción de cinco álbuns, chegan ao noso festival nun dos mellores momentos da súa vida musical para poñerlle o son e a letra a unha terra e a unha sociedade. Con letras éticas e profundas reivindican coa música a existencia cultural e diferencial dos Països Cataláns. Ponlles voz unha muller brava, transgresora e dona de seu!

Ses

Ses

María Xosé Silgar é unha artista da terra, de clase; de inconfundíbel talento musical e poético, mistura melodías galegas e forasteiras para reivindicar sen complexos o dereito do pobo galego a existir.

Implicada, rabuda, revolucionaria e transgresora, persegue a igualdade social e cultura de Galiza e oponse á extinción como pobo. As súas letras constitúen unha verdadeira declaración de principios contra o autoodio existente en sectores da sociedade galega actual.

A súa música é variada e universal, demostra cando sobe a un escenario que en galego “chégase á fin do mundo” e que a música é unha ponte universal para a multiculturalidade.

Orgullosa da cultura que ten de seu, de noso, chega ao Festival do Castro despois do seu cuarto disco, misturando melodías e estilos musicais variados cunhas letras reivindicativas e explícitas, alén de profundas, onde amosa coma ninguén o orgullo de clase e de raíces. A súa consolidación é o premio a ter porfiado na existencia e na resistencia de existir, de existirmos libres e galegas! Brava!

A Cadela Asesina

A Cadela Asesina

Grupo Folk cun futuro prometedor por diante, chegan ao Festival do Castro para poñer o sabor do tradicional da música dos fiadeiros e das foliadas. Fieis á percusión tradicional, a súa música é unha exhibición fantástica resultado da apaña e da herdanza musical popular.

Na vestimenta, nos sons e nas combinacións este grupo novo en idade ten un longo percorrido anterior en xeiras populares, cantos de taberna e outros certames que lle levan dado unha grande proxección.

Nacen na terra, con raíces nas Ribeiras e nas ladeiras fértiles do Val de Lemos, e exhiben coa súa música e coas súas letras o orgullo da música tradicional da Ribeira Sacra, que teñen recuperado como parte do patrimonio musical das terras de Lemos! Orgullo da tradición galega nos sons, amor á terra nas formas, logran integrar o público en todas as súas actuacións! Se vén a Cadela Asesina, a troula e a festa han ser rachadas!

O Val das Mouras

O Val das Mouras

Bautízanse co nome dunha Fraga lendaria que existe no corazón do Courel, e que conserva a pureza dunha cultura á que xa lle cantaran os clásicos. Esta formación celta-folk chega a Pantón para poñer de riba do escenario un alarde de cultura musical e poética de raíces construído dende a ética e o orgullo da pertenza a unha cultura secular, a galega.

Basean a súa proposta na obra poética de Rosalía de Castro, en particular no libro “Follas Novas”, cántanlle ao corazón galego que habita en cadaquén, e logran a harmonía musical e poética coas letras e cos sons.

Cántanlle á muller galega, á emigración, á cultura mariñeira, á labradora, cántanlle á universilidade da aldea galega e dos seus habitantes con mestría na combinación das melodías e da nosa poesía. “Recitan música e cantan poesía”, o que converte a súa música nun fermoso exercicio artístico que dignifica a Galiza que fomos para nos lembrar quen somos.

As Sircópatas

As Sircópatas

As Sircópatas presentan case en primicia o seu novo espectáculo no Festival do Castro e seguro que non nos van deixar indiferentes. Rogelio leva 20 anos sen saar da casa porque ele facían bulling no colexio. Agora, para curarse e que lee dean a alta ten que facer en público o que máis alle gusta, a magia. Mamá ten unha cita moi importante, así que coa axuda do público vaise curar.

Un espectáculo de clown e maxia onde o público é o verdadeiro protagonista. Un espectáculo moi físico, sobre todo para o público. Un espectáculo cheo de risas, humor, e onde os clixés dos números clásicos de circo se repiten, pero feito por un pallaso con problemas mentais.

Novo circo galego, para todos os públicos, onde se rompe a cuarta parede, e se converte a xente nunha parte máis do espectáculo; onde todos forman un todo e onde non vas poder parar de rir, porque se parpadeas o perdes, como na maxia.