Comezamos!

Comezamos!

Na última asemblea demos saída aos primeiros traballos para organizar o festival en agosto de 2019, nas datas de sempre.

Xa está decidido e xa podemos anunciar que na última asemblea demos saída aos primeiros traballos para organizar o festival en agosto de 2019, nas datas de sempre. Somos moi conscientes da dificuldade que ten, e máis depois de ter que cancelar a edición deste ano. Mais mesmo así, na asociación algo nos dí que isto non debe morrer e compre seguir facendo posíbel un evento cultural que trascendeu con moito o que era unha xornada de música e cultura.
Foron moitas as persoas que se achegaron a nós, tanto do noso concello como de fora, que nos piden que sigamos e que mesmo se ofreceron a colaborar de múltiples maneiras. Tamén hai pequenos negocios que botan en falta un evento que moveu durante moitos anos moita xente que viña a Pantón e á Ribeira Sacra, e que non só participaba do festival. Tomámosvos a palabra porque imos precisar apoios de todo tipo e iremos dando conta desde aquí de todas as necesidades que teñamos, de maneira que podamos construír unha edición máis colaborativa que nunca.
De inicio xa estamos a traballar nalgunhas actividades e iniciativas de apoio ao festival que anunciaremos nas próximas semanas. Mil agostos máis para o Festival do Castro!

Xúntate ao Festival do Castro nas redes sociais

Obxectivo 2019

Obxectivo 2019

Estamos a traballar xa para que no 2019 podamos atoparnos de novo. Facémolo porque queremos seguir adiante co noso propio compromiso coa cultura popular, mais tamén pola cantidade de mostras de apoio e os azos recibidos nestes días

Logo de asimilar que non se podería celebrar o Festival do Castro este ano, estamos a traballar xa para que no 2019 podamos atoparnos de novo. Facémolo porque queremos seguir adiante co noso propio compromiso coa cultura popular, mais tamén pola cantidade de mostras de apoio e os azos recibidos nestes días, que queremos agradecer emotivamente.

Nestes días imos celebrar unha asemblea xeral na que avaliaremos xa as necesidades e nos marcaremos os obxectivos para poder realizar o festival de novo e con garantías. Como denunciamos no seu día, cada vez é mais difícil manter actividades como esta nas mans de asociacións sen que detrás haxa produtoras e sen ter que mendigar as axudas públicas, que priorizan grandes eventos e discriminan o que non se pode controlar. Pero somos xente teimuda e negámonos a que Pantón e a Ribeira Sacra sexan só un bonito decorado. A nosa cultura facémola nós.

Seguide atentamente porque imos precisar moita axuda e agárdanse sorpresas. Longa vida á cultura popular, longa vida ao Festival do Castro!

Xúntate ao Festival do Castro nas redes sociais

Non haberá festival en 2018

Non haberá festival en 2018

Desde a Asociación Cultural O Castro toca informar que a edición prevista para o 18 de Agosto do Festival do Castro 2018 en Pantón, non terá lugar.

Desde a Asociación Cultural O Castro toca informar que a edición prevista para o 18 de Agosto do Festival do Castro 2018 en Pantón, non terá lugar. A dura decisión tomouse definitivamente na asemblea da asociación do 10 de agosto por unanimidade de todas as asistentes.

Durante a asemblea tratáronse distintas opcións para poder afrontar un Festival do Castro coas maiores garantías no plano económico e que puidera manter o espírito de edicións anteriores, que tanto éxito teñen reportado a este evento multicultural e popular, característico do noso concello.

Sen embargo, diante da tesitura de non poder asumir con garantías o Festival ao nível e dimensionamento de edicións anteriores, concluíuse que o mesmo recupere nesta edición a súa histórica intermitencia e, logo da temporada de verán, inmediatamente retomar unha análise que obxectivamente garanta un novo éxito do Castro para a súa edición en 2019.

O formato do Festival do Castro responde a un evento multicultural e popular con actividades variadas, Mostra de Artesanía, Vermú Gaiteiro, Xantar Popular, Café Concerto, Espectáculos de Tarde con Circo e Maxia, Atardecer no Castro e os Concertos do Festival do Castro. Todo os anos a organización analiza as distintas actividades a fin de que medren ou reformulalas de ser preciso, non obstante e, sempre na idea de que as expresións culturais da nosa Terra e doutros lares non deben limitarse ao público segundo a súa capacidade adquisitiva, e así este Festiva desde o seu inicio, caracterizouse por ser un evento popular e de balde.

O anterior está en contraste coa actual política cultural da Xunta de Galiza, así como dos organismos Provinciais que, na actualidade, desconfían do asociacionismo popular e propician outro tipo de eventos, os de pago e maioritariamente en mans de produtoras, e isto materialízase na inexistencia de liñas de axuda nen apoio institucional para eventos como o Festival do Castro nen as súas actividades. Esta actitude tanto a nível da Xunta e Deputación fíxose crítica nas dúas edicións anteriores, o que nos leva a valorar finalmente esta decisión, sempre co obxectivo de revivir este evento no 2019. É lamentable termos que padecer cómo a nosa Administración compadrea actuacións musicais ou eventos carentes de tradición e base cultural mentres se propicia a perda gradual de eventos populares como o do Castro, non hai moito a Administración galega, respecto do seu plan de transporte de viaxeiros, facía peito de que non querían autobuses sen viaxeiros, nen viaxeiros sen autobuses, pois algo semellante pasa no ámbito cultural, non queremos eventos culturais sen persoas, nen persoas sen acceso ós eventos culturais, así que resistímonos a asumir estes patróns mercantilistas do poder e seguiremos loitando para que, en mellores condicións, o Festival siga a ser de todas e todos!

Aproveitamos a ocasión para pedir desculpas polas molestias que isto poida ocasionar na axendas ás/ós festivaleiras/os, así como ás/ós visitantes do noso concello nestas datas tan familiares e festivas pola cancelación do evento, pois concluímos que ó non termos garantías na suficiencia económica para a materialización do Festival do Castro, diante desta recuada das Administracións nos compromisos económicos, é procedente a súa cancelación

Tamén queremos trasladar publicamente o noso afecto e agradecemento a todas as persoas que, desinteresadamente, durante estes 13 anos, colaboraron tanto no plano económico como no organizativo, pois sen todos eles e elas, non sería posible situar o Festival do Castro, a Ribeira Scra e o concelo de Pantón no mapa galego de festivais de verán, no convencemento de que este atranco na edición 2018, non servirá para outra cousa que coller máis folgos para o 2019.

Xúntate ao Festival do Castro nas redes sociais

Sés actuará no Festival do Castro 2017!

Sés actuará no Festival do Castro 2017!

SES, considerada como a revolución da actual escena musical galega, prosegue a presentación do seu último traballo, Opoñerse á extinción, en Pantón.

Dende a organización do Festival do Castro, comprácenos anunciar que volvemos as andadas cunha nova edición da cita festivaleira máis importante do verán da Ribeira Sacra, da Galiza e do mundo enteiro.

E para que non falte ninguén en dito evento aberto e gratuíto, confirmamos a data, como é habitual, será o sábado 19 de agosto de 2017 en Pantón no recinto feiral do Castro.

E para ir facendo bo sabor de boca confirmamos que a cantora bergantiñana “SES” será unha das cabezas de cartel da duodécima edición organizada pola “Asoc. Cultural Escola de Baile e Gaitas O Castro”.

SES, considerada como a revolución da actual escena musical galega, prosegue a presentación do seu último traballo, Opoñerse á extinción, en Pantón.

É o cuarto álbum dunha SES que sigue sendo pura forza, inconformismo e paixón. Nel segue a liña do seu inconfundible estilo que a levou a converterse na artista máis relevante do país nos últimos anos e nun auténtico fenómeno social que non deixa de medrar.

Este novo traballo continúa na liña dos dous discos anteriores, cunha onda ecléctica que vai do rock ao blues pasando pola canción de autor latinoamericana, pero atrevéndose desta volta con novas sonoridades e deixando máis espazo para a cantareira que hai no seu interior.

A SES compositora vai medrando e madurando, aínda que sigue a tratar os temas de sempre: o amor en todas as súas versións (inclúe unha canción dedicada á filla dunha das súas cantoras), sen esquecer un tema clave da súa personalidade como artista, a denuncia social.

Dende a organización fieis ó estilo de xornada completa de activades no plano cultural e festivo manterá un esquema similar ó de anos anteriores aínda que se introducirán, como cada ano, adaptación nalgunha actividade, así pois, confirmado, este ano volta o Festival do Castro, 19 de agosto, todo o día no Castro, non fagas máis plans para esta data!!!

Aquí está o Festival do Castro 2016! 

Aquí está o Festival do Castro 2016! 

(fai clic na imaxe para ampliares)

Tras 11 anos e en épocas difíciles para as asociacións como a nosa, conseguimos ter un cartaz cheo de actividades para que ninguén quede á marxe dun día tan especial e festivo. Desde pola mañá haberá animación e desde as 11 a feira de artesanía. Despois introducimos un obradoiro de brinquedos musicais para miúdos e miúdas. Despois e por terceiro ano desde as 13h teremos sesión vermú con cantos de taberna para abrir boca para o xantar popular, que rematará como todos os anos co café concerto con Cé Orquestra Pantasma. Xantar en boa compañía, música e festa, a ecuación perfecta.

Co inicio da tarde comezan as actividades para os cativos e cativas con globoflexia, pintura de caras e xogos participativos. Para todas as idades as xa clásicas actividades de circo de rúa que son parte imprescindíbel da esencia do Festival do Castro. E case seguido comeza no mesmo espazo o Anoitecer no Castro con Blues do País, que aseguramos que te sorprenderán.

E desde as 11 da noite o concerto aberto polo Bloquinho de Xermolos para seguir con Coanhadeira, o ska-punk dos Uruguaios Once Tiros, os imprencindíbeis Nao, que repiten dez anos depois, e Skandalo GZ. Toda a noite de música que chegará ao amencer coas misturas de Soundkilla até que o corpo agüante.

Pensamos que non pode haber mellor programa. Consúltao aquí completo cos negocios locias que nos apoian e que nos recomendamos e agradecemos o seu alento. Agardámoste!

Xa temos listas as rifas do Castro 2016!

Xa temos listas as rifas do Castro 2016!

Durante este mes e até ben entrado setembro estarán á venda as rifas de apoio o Festival do Castro 2016.

Podes conseguilas, como en edicións anteriores, a través dos colaboradores e colaboradoras do festival e en diferentes establecementos de Pantón e comarca, dos cales informaremos en vindeiros días polas redes sociais.

O custo das rifas e de un euro e o premio que se pode conseguir e irresistible: un plan marabilloso para coñecer mais devagar a Ribeira Sacra.

Deste xeito, se achegas un euro á nosa causa, es portadora ou portador dun boleto que che outorgará a posibilidade de conseguir de premio unha xornada de pracer no Balneario Auga Santas de Pantón para dúas persoas. O sorteo será o da ONCE o lúns día 27 de xullo de 2015 e gañará quen teña o boleto coas 4 últimas cifras.

O Festival do Castro é un evento festivo e cultural gratuíto e independente e mercando unha rifa estas colaborando ao seu mantemento, porque sempre decimos que o festival somos todas. Sorte!!