
Efectivamente son xa 12 edicións nesta etapa do Festival do Castro organizada pola nosa asociación cultural. Antes de nós outros e outras aventureiras levaron adiante máis edicións en varias etapas. E sempre esta idea global é a que moveu e deu forzas ás organizadoras e impulsoras dun festival modesto e familiar como o Festival do Castro. Cada vez máis difícil polo escaso apoio económico a festivais como este, que vive independente e non aposta por grandes dispendios que tanto dan como quitan.
Agardamos que desfrutedes da programación deste ano. Este ano facemos unha ducia! Doce anos ininterrompidos de organización dun dos eventos culturais con máis sona na nosa contorna. Hai que festexalo, e por iso haberá sorpresas musicais e artísticas para que poidamos amencer no Castro de Ferreira, abrazando o día e saltando ao ritmo da música de raíces e moderna.
Amencer no Castro de Ferreira hache cambiar a idea!
Programación
Feira de Artesanía
A arte do traballo feito á man é unha das mellores mostras do noso facer colectivo que se mantivo ao longo dos séculos. Un saber ao que nós queremos facer un recoñecemento explícito, por iso organizamos esta feira. Este é o noso xeito de dignificarmos esas mans e eses produtos. Con este espazo, dende a Asociación O Castro pretendemos ofrecer ás artesás e artesáns un escaparate no que amosar os seus produtos e técnicas, no medio dun ambiente festivo.
O día 19, a partires das 11.00 horas, todas as persoas que se acheguen ao Castro, en Ferreira de Pantón, poderán gozar e mercar diversos traballos feitos en coiro, barro, prata, vidro ou macramé, así como tamén facerse con roupa e levar a camiseta do Festival do Castro 2017.
Se queres participar na feira de artesanía ou informarte podes poñerte en contacto no teléfono 687 887 538 e se queres gozar dela non tes máis ca vir ao Festival do Castro.
Vermú Gaiteiro
A partir das 13.00 horas inaugúrase a festa no Castro co vermú gaiteiro! Unha actividade que celebraremos por terceiro ano dado o éxito que acada desde que se implantara no 2014.
Antes do xantar e para abrir boca, haberá, baixo a carpa, unha foliada aberta na que poderedes participar todas aquelas persoas que traiades con vós algún insrumento musical e gañas de cantar e gozar música. Ademais haberá recompensa! Un vaso de vermú galego!
Músicas, músicos e xente festeira saborearemos xuntos un líquido de Chantada, do corazón de Galiza, da Ribeira Sacra.
Esta actividade aberta esta concibida co obxectivo de quentar motores e facer fame para unha hora máis tarde xantarmos xuntos no festival do Castro.
Haberá sorpresas neste vermú, sempre gaiteiro e galego, pero nunca igual que o anterior. Saúde!
Xantar Popular
Parte idiosincrática e ineludíbel do Festival do Castro é o Xantar Popular elaborado cos mellores produtos da Ribeira Sacra. Por iso, nesta nova cita, e como marca a tradición, no Castro haberá xantar de festa:
O menu constará de empanada da zona (tamén para menús vexetarianos) , pementos de Herbón, carne ao caldeiro con cachelos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, refrescos e sobremesa: lambonadas da casa! Café con e sen gotas coa fin de que a dixestión comece a traballar antes do café concerto! A partires das 12.30 horas, agardámosvos!
O prezo do xantar será de 15 euros (10 euros para as cativas e cativos até os 12 anos).
O aforo é limitado e podedes reservar o xantar até o xoves día 17 (incluído) no teléfono 671 038 103 ou no enderezo electrónico xantarfestivaldocastro@gmail.com. Outra opción é a compra antecipada nos seguintes establecementos:
PANTÓN: Bar Carabelos
Café Concerto
Se hai algo que fai especial e diferente o Festival do Castro son o xantar e o café concerto. Unha cousa chama pola outra, e moitas persoas acoden ao festival dende pola mañá porque ademais de que a comida do Castro está boísima, o concerto que acompaña o café adoita ser memorábel.
Bailar na hora da sesta é un costume que poucos teñen, pero no Festival do Castro é xa unha tradición.
Unha sesión de música enerxética para facermos a dixestión é unha das características do café concerto no Festival do Castro dende hai 12 anos. E nesta ocasión será o mellor músico o encargado de poñer a brincar os corpos da xente festivaleira que xa se cargaron de enerxía no xantar. Este 19 de agosto, a música do café concerto virá co inigualábel Cé Orquestra Pantasma!
O café concerto é un tempo no que a xente se volve tola e da chimpos sen parar durante máis de 60 minutos! Verás, vai ser, coma sempre, memorábel.
Animación Infantil
Cada ano aumenta a demanda de actividades para as xeracións máis novas e isto agradecémolo enormemente porque o Festival do Castro ten espazos aptos para todas as idades e todas as experiencias. Esta característica do noso festival é parte da idea inicial que sempre barallamos.
Acompañarannos as xentes de Lusco e Fusco, colectivo especializado no entretemento infantil e xuvenil e con quen poderemos descobrir as primeiras experiencias festivaleiras. Bocas abertas e grandes gargalladas están aseguradas. Xogos, pinturas, decoracións faciais e globoflexia non han faltar nesta cita para todos os públicos.
Un programa variado de actividades, todas elas colaborativas e participativas, onde as máis cativas son as protagonistas destas actividades. Ven descubrilo a partir das 17:30h no Festival do Castro.
Circo de Rúa
Desde que recuperamos o Festival do Castro, hai xa 12 anos, quixemos incorporar actividades que encheran o día e que achegaran unha experiencia cultural completa e participativa.
O novo circo contou sempre nas nosas programacións e é unha das actividades que máis e mellor acollida teñen. Logo dun xantar popular e do café concerto seguimos con esta actividade de circo onde as artistas amosan os mellores espectáculos nas súas modalidades. Acrobacias, enxeño, ilusión, teatro, diversión, participación, humor e o mellor dos ambientes son a fórmula perfecta do que se dá en chamar o novo circo e que en Pantón ten unha cita obrigada no Festival do Castro cada ano.
Serán AsSircópatas, que repiten connosco, quen virán sorprender desta vez. Ven descubrilo á tardiña nos balcóns do Castro de Ferreira!
Concerto
E por fin, a partir das 23h chega a música ininterrompida até o amencer no escenario principal. Nesta edición contaremos con O Val das Mouras, A Cadela Asesina, Sés, El Diluvi e Noite Fechada. E ao remate da música no escenario, non escapes, seguimos na carpa coas mellores misturas dos picadiscos até o amencer!
Entre tod@s facemos o festival desde pola mañá con artesanía, o vermú gaiteiro cos cantos de taberna, o xantar popular que remata co café concerto e o mellor dos sorrisos. Toda a tarde chea de actividades para as crianzas e circo de rúa para todas as idades. E á noite, música no escenario cun enorme concerto para rematar, xa co día, con picadiscos até que o corpo aguante.
No Castro de Ferreira, con acampada gratuíta, baños públicos e barra con bebida e bocatería, nun entorno inmellorábel con todos os servizos da vila ao pé. E todo na Ribeira Sacra, ao carón do Miño.
Como chegar?
Táboa de Autobuses
Para asistires a todas as actividades do Festival e marchar ao remate da noite con seguridade, podes empregar os autobuses que unen Ferreira e Monforte. Clica aquí para veres os horarios e o resto de servizos.
Asociación Cultural O Castro | Pantón (GALIZA) | Contacto
