Na zona do Castro, que coroa a vila de Ferreira de Pantón, naceu o 28 de xullo de 1979 o que denominaron como Festival Galego do Castro. A iniciativa veu daquela, da comisión que organizaba as festas de verán de Ferreira. Por aquel entón tamén nacían outros festivais en diferentes puntos do país coma o de Pardiñas e o de Ortigueira, porén estes correron máis sorte que o de Pantón que rematou desaparecendo tras dúas edicións e unha terceira que non se chegou a celebrar.

Aquel inesquecible 28 de xullo de 1979 aconteceu en Ferreira algo que até o momento non se tiña dado. Ese sábado foi o primeiro en que Ferreira acordou ao son de gaitas galegas que invadian as rúas e animaban ao pobo. Naquela xornada tivo lugar un xantar campestre no que a asistencia puido degustar empanada, polbo, sardiñas e carne acompañado, como non podería ser doutra forma, de viño da Ribeira Sacra.

Os concertos foron o momento en que máis persoas se reunían. Naquel tempo foron ás cinco da tarde e o 28 de xullo de 1979 estiveron no Castro Fuxan os Ventos, o músico e compositor Emilio Cao, Tangaraño, Quintas Canella, Mutenroi, Carlos Nuñez e o Grupo Nós. Despois dos concertos do festival a festa continuou coas actuacións das arquestas. Nestas primeiras xornadas do festival en Pantón tamén pasaron polo festival outro artistas de renome como Kepa Junquera, Suso Vaamonde e María Manuela. O Festival do Castro nos seus inicios supuxo unha nova forma de divertirse e un punto de encontro diferente para @s moz@s, que aínda non se coñecía moito naquela época.

Despois de varios anos da desaparición a Asociación Cultural e Xuvenil O Castro recuperouno en 2006. Unha forte meta que se impuxo este grupo de moz@s de Pantón axudados por outros rapaces de concellos próximos como Sober, O Saviñao e Pobra de Brollón.

Coa recuperación do festival a organización tratou de manter actividades daqueles primeiros anos e ademais introduciu outras novas. A feira de artesanía naceu coa volta do festival, onde unha chea de artesáns da comarca e de todo o país mostran gran variedade de traballos, tales como coiro, barro, prata e licores caseiros. Ademais mantivose o xantar popular como unha continuación do que consta nos primeiros anos. Teatro e circo pola tarde despois do café concerto completou dende o 2006 unha xornada dedicada á música e á diversión en Pantón.

Dende o ano 2006 foron moitos os artistas e estilos de música diferentes que fixeron mover ós centos de moz@s que se achegaron até Pantón. Un concello que comeza a ser coñecido no resto da Galiza, en gran parte por mor do festival. Lamatumbá, Tonhito de Poi,Os Diplomáticos de Montealto, Dios Ke Te Crew,Ruxe Ruxe, Eskorzo,Coanhadeira,Nao, Bob da Rage Sebse, Che Sudaca, Os Festicultores ouLoretta Martin, son algúns dos artistas que xa pisaron o escenario do Festival do Castro.