|
Xa está aquí o Festival do Castro 2009! |
|
|
|
 O 22 de agosto temos unha nova cita en Pantón. Volta o Festival do Castro cheo de música e bos momentos. Este ano é especial por moitos motivos. É a cuarta edición a cargo da Asociación Cultural O Castro, que sumada ás seis feitas dende 1979 fai que o Festival do Castro cumpra dez! E ademais, fanse trinta anos do seu nacemento. Por iso son moitos os motivos para celebrar! Este ano no festival atoparás como sempre moita e boa música, títeres, artesanía, xantar popular, birlos e un sen fin de actividades para todo o día e a noite. Estamos a traballar no cartaz mais podemos xa adiantar dúas actuacións diferentes e interesantes.
No referente á música do país destacamos os Cuchufellos, uns festeiros incribles e de gran recoñecemento musical no territorio galego. Traerán a Pantón o seu último traballo Achegaivos feligreses que acaba de nacer. Con eles a festa está asegurada! Mais este ano tamén contamos con actuacións de marco internacional como é o caso do grupo checo United Flavour. Somos pioneiros no estado español ao contar con eles xa que o seu primeiro concerto será en Galiza e no Festival do Castro. Son un grupo de fusión que chegan cargados de enerxía que están desexando contaxiar. É o grupo revelación no centro da europa, un conxunto multiétnico con letras en inglés e francés e español. Comezaron tocanco en cafés e pubs en Praga, mais agora alcanzaron grande éxito na República Checa, Suíza, Austria ou Alemaña. Seguiremos informando. O Festival do Castro xa está aquí!
|