

10 anos de Festival do Castro!
Ás que xa estivestes algún ano pouco vos podemos contar que non saibades e aos que non estivestes aínda… como se vos ocorre tal cousa?! Nacemos no 2006, aínda que das cinzas fértis de outras dúas etapas -a pioneira de 1979 ao 1981 e outras dúas edicións nos anos 90-. Dende aquel 19 de agosto do 2006 organízase como unha actividade anual da Asociación Cultural O Castro.
De dez anos para aquí mudaron moito as cousas, medramos e o mundo ao noso arredor tamén mudou. Nos queremos seguir sendo cultura popular a pesar de que cada vez sexa mais complicado manter a aposta pola cultura no rural e pola dinamización do interior do país.
Tras dez anos de festa, de artesanía, de xantares e cafés concertos, ducias de actividades de teatro e circo e unhas setenta actuacións musicais queremos convidarvos a todas a vir á nosa festa.
Programación
11h00 Mostra de Artesanía
Dende que a Asociación Cultural O Castro se fixo cargo da organización do festival no 2006 tras recuperar unha actividade que viu a luz en Pantón no 1979 sempre quixo que houbera unha feira de artesanía e esta mantívose durante toda a década.
Este empeño non ten outro obxectivo máis ca dar ás artesás e artesáns da Ribeira Sacra a oportunidade de amosar os seus produtos nun encontro festivo, ao mesmo tempo que achegar a Pantón a outros artesáns e ao fin e ao cabo, facer un encontro coa cultura, a tradición e a arte coincidindo co Festival do Castro.
O día 22 de agosto a partir das 11.00 horas todas as persoas que se acheguen ao Castro, en Ferreira de Pantón, poderán gozar e mercar diversos traballos feitos en coiro, barro, prata, vidro ou macramé, así coma tamén facerse con roupa e levar a camiseta do Festival do Castro 2015.
Se queres participar na feira de artesanía ou informarte podes poñerte en contacto no teléfono 687 887 538 e se queres gozar dela non tes máis ca visitar o Festival do Castro.
13h00 Vermú Gaiteiro
A partir das 13.00 horas inaugúrase a festa no Castro co vermú gaiteiro. Unha actividade que celebraremos por segundo ano xa que foi a novidade da pasada edición.
Antes do xantar e para abrir boca haberá, baixo a carpa, unha foliada aberta para que calquera persoa armada cunha gaita ou calquera instrumento e moitas ganas de gozar poderá participar e será recompensada cunha vaso de vermú.
E o vermú ademais de ser gaiteiro será galego porque músicos e festeiros saborearán o líquido feito en Chantada, para os oriúndos o corazón da Galiza.
Esta actividade aberta esta concibida cun obxectivo ben claro: facer fame para unha hora máis tarde poder co rico xantar que se serve no festival do Castro.
Aviso a gaiteiras e pandereteiros, o vermú gaiteiro e galego do Festival do Castro traerá sorpresas. Non o perdan porque se sorprenderán.
14h00 Xantar Popular
E que sería do Festival do Castro sen un xantar cos mellores produtos da Ribeira Sacra?
Pois aínda non o imos saber, así que como marca a tradición no Castro haberá xantar de festa: empanada, pementos de Herbón, carne ao caldeiro con cachelos e algunha que outra lambonada, ademais dos esenciais viños da Ribeira Sacra, a partir das 14.00 horas. Tamén haberá empanada da horta para os vexetarianos!
E para resistir a xornada festivaleira que queda por diante haberá café con gotas coa fin de que a dixestión comece a traballan antes do café concerto.
O prezo do xantar será de 15 euros (10 euros para os cativos ata os 12 anos).
O aforo é limitado e deben reservar o xantar ata o xoves día 20 (incluído) no teléfono 636 537 474, no correo xantarfestivaldocastro@gmail.com ou mercar a entrada nos seguintes establecementos:
PANTÓN: Mesón Os Castros e Bar Carabelos
MONFORTE: O Anchoas
ESCAIRÓN: A Lareira
15h30 Café Concerto
Logo de papar o xantar de festa ten lugar o café concerto, arredor das 15.30 horas. Este ano os encargados de axudar a facer a dixestión son La Patxaranga.
La Patxaranfa son unha xente que promete baile e ledicia a través dunha viaxe por diversas músicas do mundo enteiro. Os de La Patxaranga aseguran que provocan un ambiente festivo e de alegría aló por onde van cun estilo que mestura o balkan, klezmer, swing e o flok grazas a unha formación de saxo, violín, guitarra, baixo, percusión e voz.
Abofé que o café concerto do Festival do Castro vai ser memorable!
17h30 Animación Infantil
Os cativos tamén son parte do Festival do Castro por iso logo do café concerto están programada actividades para eles.
O tempo cativo desde ano comezará a partir das 17.30 horas, nos balcóns do Castro. Este ano os minutos máis divertidos e inocentes do festival estarán nas máns dos cómicos da asociación Lusco Fusco de Lugo.
Maquillaxe, xogos e globoflexia reunirán a todos os cativos do Festival do Castro antes de ter lugar os espectáculos de teatro e circo de rúa de Kote Malabar e As Aerealistas.
18h00 Teatro e Circo
A partir das 18.00 horas chegará o tempo de circo e teatro de rúa. Kote Malabar comezará a sesión.
Logo de Kote Malabar chega o tempo das acrobacias de man de Raquel Oitaven e Mercé Solè que presentarán o espectáculo ‘O que queda por chover’.
Uns espectáculos axeitados para todos os públicos. Este será ao aire libre e nos balcóns do Castro, de onde se poden gozar unhas singulares vistas do Val de Lemos
21h00 Anoitecer no Castro
O anoitecer no Castro é un concerto íntimo e mais relaxado que abre a noite de música e festa no Festival do Castro. desenvólvese no mesmo espazo que as actividades da tarde, no balcón do Castro, onde poderemos tomar a primeira nun ambiente inmellorábel. Este ano Poetarras serán os encarregados de nos abrir o apetito de música e gañas de mais.
23h00 Concerto
E por fin, a partir das 23h chega a música ininterrompida até o amencer no escenario principal. Nesta edición contaremos cos imprescindíbeis Os Cempés, con Muyayo Rif desde Catalunya, Chotokoue e o rock de Ruxe Ruxe. E ao remate da música no escenario, non escapes, seguimos na carpa con picadiscos cos mellores sonidos até o amencer!
Entre tod@s facemos o festival desde pola mañá con artesanía, o vermú gaiteiro cos cantos de taberna, o xantar popular que remata co café concerto e o mellor dos sorrisos. Toda a tarde chea de actividades para os cativ@s e circo de rúa para todas as idades. Na noitiña o Anoitecer do Castro trae a música que continúa no escenario cun enorme concerto para rematar, xa co día, con picadiscos até que o corpo aguante. No Castro de Ferreira con acampada gratuíta, baños públicos e barra con bebida e bocatería, nun entorno inmellorábel con todos os servizos da vila ao pé. E todo na Ribeira Sacra ao lado do Miño.
Como chegar?
Táboa de Autobuses
Asociación Cultural O Castro | Pantón (GALIZA) | Contacto
