Blues do País

Blues do País

Blues do País

Blues do País é un grupo formado por Bieitta James e Pepe King, que transforman temas clásicos do blues e do soul internacional en cancións con referencias galegas. Despois dun tempo levando o seu orixinal espectáculo por escenarios de toda Galiza, sacaron o seu primeiro disco, “Bateas no Mississippi”. A Retranca é un dos recursos que máis e mellor emprega este dúo galego, demostrando que é posible facer blues no idioma do país. Extraer o soul dos cultivos do millo, como se fixo en tempos pasados nos campos de algodón na outra beira do Atlántico.

Nacen a partires dunha idea: o paralelismo que atopan entre Galiza, a súa idiosincrasia, a súa morriña e o retranqueo, co feelin’ blues do Mississippi e Lousiana. Algunhas versións respectan o espírito do tema orixinal. Se Janis Joplin pedía a Deus un Mercedes Benz, Bieitta James reza por un chimpín. Outros clásicos do blues sufriron unha transformación radical. Non dubidaron en lle daren a volta a pezas como I just want to make love to you, de Etta James.

Así, con humor e arte galega a moreas, este duo interpretará no ocaso da tarde, clásicos de onte e de hoxe cun ollar galego e labrego do mundo. Para todas e todos nós!

Cé Orquestra Pantasma

Cé Orquestra Pantasma

Cé Orquestra Pantasma

César Fereiría é o home orquestra que alá onde chega pódese asegurar que hai festa! Xa o comprobamos en anos anteriores e como nos gusta tanto ver gozar á xente repetimos. A Cé Orquestra Pantásma volverá, unha vez máis no Castro, facer movernos coma nunca antes. Sérá no Café Concerto logo do xantar popular.

Dende o 2008 este singular artista percorre festas e festivais de todo o país. O batepés, a kalimba baixo e guitarra de acordes fixa son algúns dos instrumentos inventados polo propio artista. A melodía que só é capaz de crear con axuda de todos estes instrumentos é o que fai del un músico escepcionalmente peculiar. A súa traxectona é longa, con tan só oito aniños xá comezou a introducirse na música tradicional, pasando por varios estilos de música popular, formando parte de grupos como A Roda, Aradouro, Ciprián e Ortiax ke te pariu, entre outros.

O Festival do Castro máis sustentábel co ecovaso!

O Festival do Castro máis sustentábel co ecovaso!

ecovaso

O Festival do Castro máis ecolóxico e máis limpo. Co emprego do ecovaso temos o obxectivo de reducir notablemente o emprego de plástico e residuos na barra e no recinto do festival.

Poderedes solicitar o ecovaso tanto na barra do bar da organización coma no posto de venda de camisetas da asociación por 1 euro. Logo de gozar os grolos que vos apetezan tedes a opción de devolvelo na barra e devolvémoches 0.50 euros.
Pero tamén podes levalo para a casa xa que así terás un recordo do festival que podes volver a empregar cando precises e mesmo noutros eventos para así continuar evitando o emprego de vasos de plástico descartables que tardan máis dun cento de anos en degradarse.

Se colaboramos todos e todas o Festival do Castro será un evento máis respeituoso co ambiente e o lugar do Castro un sitio máis limpo porque sabemos que a xente que acudides ao festival tedes unha alta conciencia ambiental.
Saúde e Festival do Castro!

O Festival do Castro xa está aquí!

O Festival do Castro xa está aquí!


Pechado o groso do programa de actuacións da edición de 2015 aquí está o Festival do Castro. No décimo aniversario e en épocas difíciles para as asociacións que como a nosa conseguimos ter un cartaz cheo de actividades para que ninguén quede á marxe dun día tan especial e festivo. Desde pola mañá haberá animación e desde as 11 a feira de artesanía. Por segundo ano consecutivo desdea as 13h teremos sesión vermú con cantos de taberna para abrir boca para o xantar popular, que rematará como todos os anos co café concerto con Patxaranga. Xantar en boa compañía, música e festa, a ecuación perfecta.

Co inicio da tarde comezan as actividades para os cativos e cativas coa asociación Lusco e Fusco con globoflexia, pintura de caras e xogos participativos. Para todas as idades as xa clásicas actividades de circo de rúa que son parte imprescindíbel da esencia do Festival do Castro. Este ano contaremos coas habilidades das Aerealistas e Kote Malabar. Case seguido comeza no mesmo espazo o Anoitecer no Castro con Poetarras, grupo revelación!

E desde as 11 da noite o concerto cos míticos Cempés, con Muyayo Rif, Chotokoeu e Ruxe Ruxe. Toda a noite de música que chagará ao amencer con picadiscos até que o corpo agüante.

Os 10 anos de Festival do Castro non podían ter mellor programa. Agardámoste!

O 8867 foi o número gañador!

O 8867 foi o número gañador!


Celebrado o sorteo da ONCE do 27 de xullo xa temos o número gañador da rifa de apoio ao Festival do Castro. É o 8.867, así que ide comprobar as vosas rifas. O gañador ou gañadora deste sorteo pode poñerse en contacto coa asociación para disfrutar dunha estancia para dúas persoas no Balneario de Augas Santas, en Pantón, con durmida, almorzo, xantar con menú degustación e circuitos acuáticos.

Moitas gracias a todas as persoas que mercastes unha por contribuir a seguir adiante co Festival do Castro. Vémonos pronto, en Pantón.

Os Cempés

Os Cempés

Voltar a artistas

Os Cempés son uns míticos, son os míticos que abrirán os concertos no escenario do Festival do Castro, a partir das 23 horas. Os Cempés son de Ferrolterra e comezaron no mundo da música no ano 1996 coa gravación dun disco en vivo, mais xa debutaran coma formación anos antes nun festival benéfico. A partires deste primeiro traballo axiña foron aparecendo outros.

Mentres isto acontecía o grupo de música tradicional comezou a acoller outros sons e engadiu instrumentos coma a zanfona ou o saxofón. O grupo seguiu e as mudanzas e cambios de membros producíronse coma as estacións ao longo do ano, unhas mudanzas que provocaron variedades no estilo musical do grupo.

Unha banda que se mantén a pesar dos anos e o tempo para que o lume da cultura galega e a música propia sigan tendo osíxeno para arder e resoar aínda moito tempo máis. Os Cempés inaugurarán o escenario do décimo aniversario do Festival do Castro coa mellor música do país.

Chotokoeu

Chotokoeu

Voltar a artistas

Chotokoeu é un dos grupos máis internacionais da Galiza e chega ao Festival do Castro aínda coa resaca de percorrer boa parte de Europa tocando, aprendendo e empapándose de enerxía, festa e alegría coas que contaxiarán ao festival e ás festivaleiras sen dúbida.

Chotokoeu comezou a dar os primeiros pasos no ano 2007 coma un grupo de percusión. Lembran que comezaron tocando polos bares e case sen darse conta, logo de ter recorrido diversos festexos do país, comezou “a xestarse unha familia musical”, como a eles lles gusta dicir.

No ano 2013 chega o primeiro albúm de Chotokoeu co que recorren o país practicamente enteiro durante un ano. Agora e tras a segunda xira europea aterran no Festival do Castro, para facer do seu concerto en Pantón unha sesión de música e diversión difícil de esquecer para os presentes.

Muyayo Rif

Muyayo Rif

Voltar a artistas

Muyayo Rif é unha banda que se creou no 2000 en Cornellà de Llobregat (Catalunya). Afíns a ritmos urbáns coma o punk, ska, reggae, latin e rock, no 2007 transformaron o seu proxecto, profesionalizando o seu estilo para acadar un son propio e un directo diferente, no que predomina a enerxía, a festa e a crítica social dende o espírito optimista e festivo que caracteriza á banda.

Muyayo Rif xirou por todo o territorio francés e chegou ata Sibeira. A través dos deus discos pretende dar forma a unha ferramenta, unha ferramenta de reivindicación, de apoio a toda a xente que loita pola xustiza social. Os Muyayo Rif crean os temas en base ás vivencias que os membros da banda foron experimentando a través da súa participación en colectivos sociais, á observación, á comunicación e á expresión dos sentimentos.

‘Maldita comedia’ é un disco cheo de distorsións rebeldes e desenfadadas no que recuperan o ska que nos últimos anos deixara paso á música latina heterodoxa, sen borrar xamais a marca da casa, a sección de metais, que fai que a esencia de Muyayo perdure no seu disco máis punk.

Ruxe Ruxe

Ruxe Ruxe

Voltar a Artistas

O rock galego volve un ano máis ao Festival do Castro de man dos carismáticos Ruxe Ruxe para pechar os concertos no escenario. Dende o seu nacemento, en 1996, Ruxe Ruxe difunde a súa música por todos os recunchos da Galiza, o veciño Portugal, Italia e outros lugares do Estado.

Dicir Ruxe Ruxe é falar dun grupo máis ca consolidado no panorama musical galego. Eles mesmos din ser “un grupo da aldea” xa que esta é e foi -e seguirá sendo, posiblemente- o seu lugar de ensaio e o seu berce. Acariñando ao estilo bravú e con media ducia de discos ao lombo é probable que con Ruxe Ruxe ao rock en galego lle quede moita vida.

Os Ruxe Ruxe serán o último concerto sobre o escenario, mais o festival non remata aquí e agora, senón que continúa, como xa é tradición, baixo a carpa con música de picadiscos até ao amencer.

Poetarras

Poetarras

Voltar a Artistas

Os Poetarras din de si mesmos ser “un colectivo arterrorístico”, mais en realidade son un orixinal trío. Os Poetarras son Manuel Gago, Rubén Lino e Daniel Vilaverde.

Estes singulares poetas están xuntos dende o ano 2013, lembran que decidiron converterse en trío “nunha noite de esmorga a base de licor café e Galicolas”, cun único e claro obxectivo que din e repiten sen pelos na lingua, “queríamos facerlle a competencia a Resistencia Galega e converternos no referente da loita armada do pobo galego”, aseguran estes artistas. A decisión tomada foi tan importante para eles que puxeron a causa antes ca nada, aínda tendo que renunciar ao traballo e á parella que non tiñan.

As súas armas son as cancións, o humor e a música, a retranca e as melodías e para levar a cabo a súa misión contan co apoio do que eles chaman “arteterroristas autónomos”.

O día 22 de agosto estarán no Festival do Castro para poñerlle banda sonora ao anoitecer.

O obxectivo dos Poetarras é ofender a alguén nalgún lugar ou por algún motivo… ou non, porque en realidade fan o que lles peta sen preocuparse das molestias que ocasionen polo camiño.

Os Poetarras son riquiños e non buscan pelexa, pero se hai que dar un par de hostias, “danse”, din.